Enderezo
A Lanzada Noalla Sanxenxo
GPS
42.4291738, -8.8748947
Neste lugar hai que sinalar a descuberta dunha necrópole e dun castro cuxas escavacións comezaron nos anos cincuenta.
O castro data do s. VIII a. C. e as tumbas atopadas na necrópole corresponden aos s. III - IV d. C.
A porta de Europa
Este asentamento galaico remóntase ao s. VIII a. C. e supuxo unha vía de comunicación e intercambio entre o Mediterráneo e Europa, moito antes da romanización de Galicia.
15 000 pezas do Museo de Pontevedra avalan a intensa relación comercial cos pobos do Mediterráneo desde o s. VI a. C.
Fenicios e Cartaxineses trouxeron ferramentas de metal, o muíño redondo, cerámicas e xoias a cambio de estaño, prata e peles.
Medio libro da historia de Galicia
Os restos atopados no xacemento da Lanzada teñen un valor excepcional, que abarca medio libro da historia de Galicia, desde o s. VIII a. C. ata a Idade Media.
O centenar de esqueletos que se localizaron nas súas dúas necrópoles constitúen a maior achega á antropoloxía galega polo seu elevado número e excelente conservación grazas ao solo areento.
Moito por escavar
As escavacións realizadas ata o de agora representan só unha décima parte do que xa se constatou que hai soterrado.
Os estudos de xeorradar e de laboratorio sinalan ata 107 novas construcións, que serán obxecto de novas escavacións arqueolóxicas que axudarán a entender mellor este relevante enclave.
Os arqueólogos buscan os restos do mosteiro de Santa María de Lanceata, citado en textos medievais conservados no arquivo da catedral de Santiago.